A Semana da Prensa Escrita polo Día Internacional da Muller contou este ano con tres invitadas moi especiais, tres mulleres ferrolás que representan talento, creatividade e paixón pola cidade onde residen: Patricia Cabrera, Inés Santiago e Blanca Escrigas.
Cada unha participou dun xeito distinto, acercando a súa experiencia profesional aos estudantes e mostrando diferentes maneiras de comunicar e contar historias.
PATRICIA CABRERA, antiga capitana do Uni Ferrol (Baxi) e actual adestradora do UNI2, participou nun podcaste co alumnado de 5º e 6º Educación primaria, onde falou sobre o deporte, a importancia do traballo en equipo e da súa carreira profesional. Unha conversa que permitiu coñecer como se vive o baloncesto desde dentro e como o deporte axuda a comunicar valores.
Pola súa parte, BLANCA ESCRIGAS, ilustradora e escritora, acudiu ás aulas dos máis pequenos do colexio (educación infantil e primeiro ciclo de educación primaria). Non tivo problema en responder algunhas preguntas e participar na elaboración do Diario San Rosendo, compartindo un rato cheo de creatividade e entusiasmo por parte de adultos e nenos/as.
Finalmente, INÉS SANTIAGO, ex triatleta de alto nivel e creadora de contido que promove a cidade a través das súas redes sociais como @tia.carminha, protagonizou unha especial roda de prensa cos estudantes de 3º e 4º Educación primaria. A través das súas preguntas, o alumnado descubriu como era a súa vida dedicada ao deporte, que lle impulsou a deixalo e que está a facer hoxe en día despois de estudar Marketing, amais do traballo no proxecto familiar Artesa.
Tres experiencias distintas relacionadas coa prensa que uniron deporte, comunicación e creatividade.
Nuns días, publicaremos no perfil de Instagram e por aquí o resultado das entrevistas realizadas.
